Sunday 28 de April de 2024

O Partido Popular critica a decisión do alcalde de Oleiros de suspender o campamento de Semana Santa


A MEDIDA DEIXA AO CONCELLO OLEIRENSE COMO A ÚNICO DA ÁREA METROPOLITANA QUE PRESCINDE DESTA ACTIVIDADE

O Partido Popular critica a cancelación do campamento de Semana Santa para escolares que viña convocando o concello de Oleiros os últimos anos. A decisión da suspensión, que foi unilateral por parte do Alcalde, deixa a medio centenar de escolares sen unha actividade de lecer durante as vacacións de Semana Santa e complica a conciliación laboral e familiar dos proxenitores que traballen durante os próximos días.
A xuízo do Partido Popular, a convocatoria habitual de cincuenta prazas para esta actividade de Semana Santa, nun concello cunha poboación próxima aos 40.000 habitantes, resulta, de xeito evidente, insuficiente. Precisamente por iso, a preocupación do concello de Oleiros debería pasar por ampliar a oferta de prazas en lugar de optar por suspender a actividade.
A este respecto referiuse a portavoz municipal dos Populares, Loli Silva: “A conciliación laboral coa que pretendía contribuír o Concello en anteriores convocatorias e da que presumía nas súas redes sociais e na web oficial, quedou agora esquecida nun caixón. Desde o Partido Popular lamentamos a decisión e preguntaremos no Pleno cales foron as razóns que levaron á suspensión do campamento.”
“Resulta insólito que nun escenario como o actual onde as administracións mostran especial sensibilidade ás cuestións relacionadas coa conciliación, sexa precisamente García Seoane quen quede en evidencia xusto polo contrario, convertendo a Oleiros na excepción práctica da área metropolitana coruñesa en canto á convocatoria de campamentos e actividades para os escolares durante a Semana Santa”, concluíu Loli Silva.